India
A India (en hindi: Bharat), oficialmente República da India (Bharat Ganrajya), é un Estado situado en Asia Meridional. É o sétimo país do mundo en superficie e o segundo máis poboado con máis de 1,2 miles de millóns de habitantes. Rodeado polo Océano Índico ao sur, o Mar de Arabia ao suroeste e a Baía de Bengala ao sueste, comparte fronteiras con Paquistán ao oeste; China, Nepal e Bután ao nordés; e Myanmar e Bangladesh ao leste. O Goberno da India tamén considera que comparte fronteiras con Afganistán, xa que considera toda Caxemira como parte do seu terririo, porén existe controversia ao respecto e a propia parte da fronteira afgá está controlada polo Estado de Paquistán. No Océano Índico, a India atópase nas proximidades de Sri Lanka e as Maldivas, ademais as Illas Andaman e Nicobar comparten fronteira marítima con Tailandia e Indonesia. A súa capital é a cidade de Nova Delhi.
Orixe da civilización do Val do Indo e rexión de históricas rutas comerciais e vastos imperios, o subcontinente indio foi sempre identificado pola súa riqueza comercial e cultural ó longo da súa extensa historia. Catro relixións de caracter global naceron neste territorio: o Hinduísmo, o Budismo, o Xainismo e o Sikhismo, ademais no primeiro mileno (EC) chegaron o Xudaísmo, o Zoroastrismo, o Cristianismo e o Islam, o que contribuíu á formación da diversa cultura da rexión. Gradualmente incoporada e posta baixo administración da Compañía Británica das Indias Orientais desde comezos do século XVIII e directamente administrada polo Reino Unido desde mediados do XIX, a India converteuse nun Estado independente en 1947 despois da loita pola independencia marcada pola resistencia non violenta liderada por Mahatma Gandhi.
A economía india é a undécima do mundo polo seu PIB nominal e a terceira pola paridade de poder adquisitivo. A raíz das reformas económicas baseadas na economía de mercado en 1991, a India converteuse nunha das grandes economías de máis rápido crecemento, sendo considerado un país recentemente industrializado. Porén, segue a facer fronte aos desafíos da pobreza, a corrupción, a malnutrición, a desaxeitada sanidade pública e o terrorismo. A nivel militar, é un Estado posuidor de armas nucleares e está considerado unha potencia rexional, tendo ademais o terceiro exercito con máis tropas do mundo e sendo o oitavo en gasto militar. A nivel político é unha república constitucional federal gobernada baixo un sistema parlamentaro consistente en 28 estados e 7 territorios da unión. A India é unha sociedade plural, plurilingüística e multi-étnica. É, ademais, fogar dunha grande diversidade de vida silvestre e espazos naturais protexidos.
Índice
Historia[editar | editar a fonte]
- Artigo principal: Historia da India.
A civilización india é unha das máis antigas do mundo tendo máis de 4000 anos. Foi colonizada por Inglaterra e tornouse independente no 1947. Ten sido unha democracia desde entón.
Política[editar | editar a fonte]
- Artigo principal: Política da India.
A India é unha democracia parlamentaria. O presidente é escollido indiretamente por un colexio electoral para un mandato de 5 anos. O poder executivo pertence ao primeiro ministro.
O Parlamento ten 2 cámaras: Rajya Sabha (Senado) con 250 membros, e o Lok Sabha ("Casa do Pobo", equivalente a unha cámara de deputados), con 545 membros.
Subdivisións[editar | editar a fonte]
- Artigo principal: Subdivisións da India.
A India está dividida en 28 estados (que á súa vez están divididos en distritos), 6 Territorios da Unión e o Territorio da Capital Nacional.
Adicionalmente, malia nunca ter reclamado posesión territorial na Antártida, a India ten aí instaladas dúas bases científicas: Dakshin Gangotri e Maitri.
Cidades: Haiderabade, Bombai
Xeografía[editar | editar a fonte]
- Artigo principal: Xeografía da India.
A India ocupa a maior parte do subcontinente indio, que está situado entre a placa tectónica da India e a parte noroeste da placa indo-australiana.
Historia xeolóxica[editar | editar a fonte]
O proceso xeolóxico que formou a India comezou hai uns setenta e cinco millóns de anos, cando o subcontinente indio, entón parte do supercontinente meridional de Gondwana, desprendeuse do mesmo e se desprazou cara o nordeste lentamente — durante uns cincuenta millóns de anos — a través dun informe Océano Índico. A subseguinte colisión do subcontinente contra a placa euroasiática, e subdución baixo esta, orixinou a maior elevación da superficie terrestre: a cadea do Himalaia, agora situada no norte e nordeste da India. No primitivo estrato mariño sito ao sur do emerxente Himalaia, os movementos da placa crearon unha vasta bacía, que foi paulatinamente recheada polos sedimentos depositados polos ríos, dando lugar á actual chaira indo-ganxética.
Grandes rexións[editar | editar a fonte]
Unha parte do territorio dos estados do norte e do nordeste da India está localizada no macizo do Himalaia. O resto da India setentrional, central e oriental está ocupada pola zona fértil da grande chaira indo-ganxética. Na parte occidental, limitando con Paquistán sudoriental, áchase o deserto de Thar. A India meridional componse, case enteiramente, da meseta peninsular do Decán, que está flanqueada por dous macizos litorais de relevo accidentado, os Gates occidentais e os Gates orientais. Estes son os terreos máis antigos da India, como parte subsistente do antigo Gondwana. A India posúe ademais tres arquipélagos: as illas Laquedivas, sitas ao longo da costa do suroeste; o cordal volcánico da illas de Andamán e de Nicobar no sueste, e as illas Sunderbans no delta do Ganxes, en Bengala occidental.
Hidrografía[editar | editar a fonte]
O país está atravesado por grandes ríos e regatos numerosos, a salientar: o Ganxes, o Brahmaputra, o Yamuna, o Godâvarî, o Narmada, o Mahanadi, o Kaveri e moitos outros.
Clima[editar | editar a fonte]
Un país tan extenso non ten un clima único. Os climas da India varían desde o clima tropical no sur a outros máis temperados no norte, ao pé do Himalaia, onde nas zonas montañosas se rexistran caídas continuadas de neve durante o inverno.
O clima da India está fortemente influenciado polo Himalaia e polo deserto de Thar. O Himalaia e as montañas do Hindu Kush, en Paquistán, fan de pantalla fronte os ventos catabáticos vidos desde Asia Central, impedíndolles penetrar até o subcontinente indio, o que fai que este conserve a calor a maior parte do ano, contrariamente ao que sucede na maior parte das rexións situadas á súa mesma latitude. O cálido deserto de Thar, pola súa banda, atrae os ventos húmidos do monzón de verán que, entre xuño e setembro, é responsábel de boa parte das precipitacións caídas na India.
Economía[editar | editar a fonte]
- Artigo principal: Economía da India.
A agricultura foi sempre, e segue sendo, a base da economía india. Na alimentación ten moita importancia o arroz, que constitúe o principal recurso das rexións de Bombai, Malabar, Bengala e Vira; o trigo, sobre todo nas poboacións do noroeste. O millete e o sorgo, alimento esencial para a xente de Deccán. O maínzo e a cebada cultívanse principalmente na chaira do Ganxes. O té provén en gran cantidade do Assam, das zonas subhimalaias e da costa Malabar. O café prodúcese especialmente no Deccán; a cana de azucre na chaira ganxética. En menor escala plántase tabaco e opio. Por outra parte a produción de árbores froitais e de plantas oleaxinosas (algodón, sésamo, pistacho e colza) é tamén notábel. Existe un gran patrimonio forestal, rico en madeiras como a teca, o tipuana tipu, o sándalo e, tamén, o bambú.
A gandaría ocupa un lugar primordial; coas súas 176.900.000 cabezas de bovino posúe o maior patrimonio bovino do mundo, aínda que por motivos relixiosos prohíbese o consumo de carne, pois as vacas son animais sagrados para os hinduístas. Os búfalos chegan ás 55 millóns de cabezas e son moi empregados nas labores agrícolas, especialmente nos arrozais. Os ovinos alcanzan os 43 millóns e os caprinos os 70 millóns de cabezas.
Os recursos mineiros baséanse na extracción do carbón, de ferro, de manganeso, de mica e de bauxita. Hai pouco metano e petróleo. As industrias, que aproveitan a existencia de materias primas e de grandes recursos hidroeléctricos, desenroláronse rapidamente con criterios de moderna racionalización. A principal industria é a téxtil (algodón e xute); séguena a siderúrxica, a mecánica (material ferroviario, aéreo, bicicletas), a electrónica, a química, a industria papeleira, as refinerías de petróleo, así como industrias do coiro, do cemento, alimentarias, de aceites e da elaboración do tabaco.
Demografía[editar | editar a fonte]
- Artigo principal: Demografía da India.
A India é o segundo país máis poboado do mundo tras China, contando con arredor de 1.100 millóns de habitantes. É un país novo con 560 millóns de persoas de menos de 25 anos. En 2004, un habitante de cada dous tiña menos de 25 anos e un 70% da poboación era rural.
Comparando cos parámetros occidentais, a India é un país que acrecenta a súa poboación con gran rapidez. Cada ano hai un saldo positivo de 19 millóns de individuos, como consecuencia dunha taxa de fecundidade de 3,1 fillos por muller como media — contra 1,7 na China -. Así cóidase que a India será o país con máis poboación do mundo arredor do ano 2035.
Cultura[editar | editar a fonte]
- Artigo principal: Cultura da India.
A cultura da India é a expresión dunha das máis antigas - máis de 4000 anos de documentos, tanto escritos como momumentais - e diversificadas civilizacións do planeta, polo tanto inclúe un gran número de expresións en todos os campos.
Temos que lembrar que a India está constituída por varias etnias, tanto nativas como dos conquistadores que aló estiveron en varios períodos da súa longa historia.
Un dos aspectos desta cultura, pese a estar oficialmente rexeitado por ter aspectos negativos, é o sistema de castas da India, característico dos Hindus, non só na India, mais tamén no Nepal.
| Data | Nome en galego | Nome local | Observacións |
|---|---|---|---|
| 6 de marzo | Holi - Festival das cores | ||
| 26 de xaneiro | Día da República | ||
| 15 de agosto | Día da Independencia | ||
| 19 de agosto | Ganesha Festival | ||
| 2 de outubro | Aniversario de Mahatma Gandhi | ||
| 12 de novembro | Diwali - Festival das Luces |
Galería de imaxes[editar | editar a fonte]
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Outros artigos[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
|
||||||||||
|
||||||||